Hoffmann non baixou a cear. Quedou no cuarto facendo unha ampliación enorme dunha das casas da Mihanoviceva que fotografara. Colocouna sobre as demáis e sorriu por primeira vez nas últimas dúas semanas. Buscou o tabaco no peto da camisa e acendeu un cigarro para completar o sorriso con algo. Os seus dedos toparon cun pequeno papel dobrado: Vrankovici, 440-256. Dobrouno ata o mínimo e colocouno no medio xusto do borralleiro. Fóra empezou a chuviñar e Hoffmann adormeceu co tamborileo infantil das pingas nos cristais. Ás catro e media da mañá, Hoffmann acordou sobresaltado. Tiña a cara cuberta de suor. Daquela sentiu o ruído familiar do disparo. Escoitáronse gritos breves, ordes, ruído de botas e o renxer metálico dos seguros das armas. Hoffmann apagou a luz e abaixouse xunto á ventá. Un grupo de policías vestidos de camuflaxe estendérase por toda a rúa formando unha fila regular, case perfecta, baixo a chuvia. Movían lentamente a cabeza dun lado a outro, esperando localizar ó francotirador. Hoffmann arrastrouse polo chan ata alcanzar unha das súas cámarasecve, soltoulle a ancoraxe da lente e tomando un teleobxectivo, inserouno na montura e xirouno para a dereita ata que quedou axustado producindo un ruído seco. “Veña, condenado, dispara outra vez” murmurou mentres montaba a cámara, nervioso. Asomouse. Mirando a ventá. “Veña, cabrón. Dime onde estás”. Escoitouse outro disparo. Hoffmann moveu a lente ansiosamente, buscando o punto desde onde partira o son. Abaixo, a porta dun casa saltaba en anacos e unha patrulla de policías internábase polas escaleiras cun ruxido animal. Hoffmann localizou a ventá. Entón viuno durante uns segundos. Durante uns segundos Hoffmann viuno a el e el viu a Hoffmann a través da mira telescópica do seu rifle. Para os dous foi a última vez. O día seguinte o diario Večernji List informaba da morte de Henri Hoffmann, atopado morto disposto no cuarto do hotel, xunto á cámara e unha serie de fotografías da Mihanoviceva, unha delas unha enorme ampliación da ventá do sexto piso do número 27; e tamén da morte dun francotirador serbio —o seu nome omitíase por razóns de seguridade—, morto ó caer desde a ventá dese mesmo sexto piso do número 27 da Mihanoviceva cando ía ser detido por unha patrulla das MUP. A investigación que se abriu para determinar se fora ou non empuxado decidiu dous días despois exonerar á policía de toda sospeita. En canto a Henri Hoffmann, o seu corpo foilles entregado ás autoridades suízas esa mesma semana.