Tardou en decatarse do que estaba lendo, pese a que a noticia viña recuadrada en primeira páxina, titulada a dúas columnas e destacada con grosos caracteres. Para el era tan impensable unha cousa semellante, que lle resultaba difícil entender. Sóio cando recitou varias veces seguidas o seu propio nome, que aparecía ao final abalando aquela pretendida Nota do Episcopado, comprendeu. Entón do fondo do seu corazón saíu unha queixa amarga e dolorida, un berro que se estrelou varias veces contra as paredes do seu sangue. Os ollos procuraron a imaxe neboenta do Cristo que colgaba da parede. Parecía de costas a el, indiferente e lonxano. Saiu correndo, deu un par de voltas sin norte, abriu e pechou a porta da alcoba varias veces e por fin entrou no oratorio privado de Palacio. Unha pequena lámpada de aceite iluminaba aos poucos a escuridade barroca do interior. Un frío pechado e vello acentuaba a soedade conxelada da igrexa. Do alto da cúpula caía un rumor de paxaros medoñentos que rebotaban contra o silencio de pedra dos muros e do teito. Nin un soio ruído chegaba da calma mañanceira na que aínda adormecía o pazo a aquelas horas. Deixouse caer sobre o reclinatorio, fundíu a cabeza entre as mans e estivo así longo tempo sin facer nin pensar nada. Un balbordo de voces pelexaban dentro do seu cerebro. Sentía acenos lonxanos que lle baixaban a cachón polo espesor das veas. Unha xenreira antiga e tribal ascendíalle desde a dureza insobornable e branca dos ósos hasta o oco redondo e pulido da boca, onde se afogaba. Engurraban séculos de cólera, subían coitelos xusticieiros a percutir a firmeza do brazo, a ensaiar a curva do aire... Pasou horas de costas ao misterio do perdón. A imaxe dun Cristo de tralla e látego, acusador no templo, fustigador de escribas e fariseos hipócritas, alentáballe no peito un niño de avésporas. Nada de poñer a outra meixela, nin de chamar co sagrado nome de irmáns aos inimigos, nin de pedir pola súa conversión a El Señor. Esmagalos, reducilos a cinza, corre-los, eliminalos... Unha mistura de sentimentos de bulra, de dignidade ferida e de intelixencia humillada ían conformando a súa determinación. A serenidade tardou en voltar. Chegou cun credo lentamente rezado, meditado en cada unha das suas palabras. Ao rematar, ergueu por vez primeira os ollos e por entre as muxicas de luz que estralaron no aire, puido ver a imaxe de Xesús Nazareno presidindo cun xesto tan amistoso e humano que a punto estivo de facelo chorar. Novamente a calma se instalaba dentro del, facíalle ben polo corpo adiante, producíalle pracer... Vencida a paixón, podía xa empezar a dispor as cousas da mellor maneira posible. Abandonou a igrexa en paz e coa sensación de ter vencido a alguén. Camiñando cara o despacho, pola súa memoria pasaron as reconfortantes palabras de San Pablo, tantas veces meditadas: “Así, pois, o que pensa que está de pé, teña coidado e non calla; non vos veu nunca unha tentación que non fora humana, e fiel é Deus, que non ha permitir que sexades tentados por riba das vosas forzas; mais ben coa tentación ha dispor o éxito para que podades resistila”. Antes de abrir a porta tivo a impresión de que desde a escuridade chegaba a sorrisa burlona dunha sombra maligna.
Showing posts with label Carlos Casares. Show all posts
Showing posts with label Carlos Casares. Show all posts
Monday, May 5, 2025
Carlos Casares
Subscribe to:
Posts (Atom)