Showing posts with label Cecilia F. Santomé. Show all posts
Showing posts with label Cecilia F. Santomé. Show all posts

Monday, May 5, 2025

Cecilia F. Santomé





 

Grace baixaba lentamente as escaleiras, agarrándose con firmeza ao pasamáns para combater a sensación de mareo e lixeireza que a envolvía aquela tardiña. Avanzaba de chanzo en chanzo coa cautela do inválido que volve camiñar e teme un tropezo fatal. Sentía o mol pelo curto da moqueta acarñándolle a planta dos pés espidos, un contacto que calquera outro día lle procuraría un pracer case físico. Fixo todo o posible para que o seu pensamento non voase libre e concentrou as poucas forzas que a asistían en preparar o que tería que dicirlle a Frank en canto chegase á sala de estar. Había algo de irreal naquel instante, como se avanzase a cámara lenta por un corredor escuro sen máis orientación ca un punto de luz difusa ao lonxe, moi lonxe. Desexaba con desesperación ficar suspendida no tempo e no espazo, que o seu pé dereito nunca se pousase no chan do recibidor, que non tivese que falar por fin. Mais os vinte pasos esgotáronse e ela quedou alí, desprotexida do acubillo que lle proporcionara o van das escaleiras, fronte a fronte consigo mesma. Tusiu coma se tivese carraspeira, nerviosa, e notou como os ollos del se volvían cara a ela. —Dende cando, Frank? —preguntou cun fío de voz, incapaz de manter a calma ensaiada.