Saúdan ó día as gaivotas e o mar ergue a súa arela sen nome en cumes de escuma branca. Un gris de ceo baixo latex na auga. Esperta o vento na xerfa e vai zunindo a cántiga secreta do seu errar. A baliza do peirao, si e non de luz e pausa, acena xa debilmente, atenuada polo día que quere abrir. —As persoas estamos feitas para levar adiante os proxectos máis fermosos. A voz dela, tan lonxe xa e tan preto sempre, ecoa nos meus oídos e mantense viva ata tal punto que podo pecha-los ollos e confundir este balbordo do mar co zoar do seu coche. As terras do interior, os horizontes amplos de trigais e ceos distantes, ábrense de novo na lembranza e reconstruo, paso a paso, o tempo do noso encontro, do noso enfrontamento, da nosa amizade e da nosa despedida. Está moi baixa a marea e a praia é ampla coma a saudade. —Vivimos encadeados ó acontecer do universo. Canta razón tiña. Mais eu fun un túzaro. Quixen amolala ó longo de toda a viaxe, falei mal das mulleres, mofeime das súas razóns… E fun perdendo, xogada a xogada, ata que deixei a partida enteira nas súas mans. Mais non soamente a partida, que ben pouco era. Deixei tamén, paso a paso, todo isto que agora revive mentres cala o ceo e acenan ó lonxe, xa case esvaídos, os faros do Piñeiral, do Alfoz, de Punta Area. —Eu souben quen eras ti cando pasamos pola feira de Castro de Uces e falaches do traballo que vos mandara face-lo profesor de Historia… Un can perdido e fraco anda a cheirar nos argazos que deixou o mar ó devalar. Seixos negros e picudos, normalmente asolagados, serven agora de apoio ás gaivotas. E tódalas bágoas da primavera chegan onda min nas bategadas deste temporal. Pingas de choiva grandes, redondas, cruzan o aire e desfánse en pequenos anacos de brillo contra os vidros da miña fiestra. —¿Non tiveches nunca a impresión de que había dentro de ti algo que quería voar? Tívena, e téñoa agora mentres vai a máis a luz, van a máis as gaivotas que pousan nos seixos e vai a máis este vento que xeme mundo adiante. Mais ela non está.
Showing posts with label María Victoria Moreno. Show all posts
Showing posts with label María Victoria Moreno. Show all posts
Monday, May 5, 2025
María Victoria Moreno
Subscribe to:
Posts (Atom)