O señor Merlín, asegún se sabe polas historias, era fillo de solteira e de nación allea, e veu herdado pra Miranda por unha tía segunda por parte de nai; pro facía disto tanto tempo que ninguén se lembraba do feito. Soio unha vella camareira de Quintás facía algo de memoria, de que sendo nena levańrona ao enterro dunha señora a Miranda, e tralo crego de Reigosa, que cantaba mui ben, ía don Merlín vestido de negro, agás unha gran bufanda colorada, e xa daquela tiña mi amo a barba branca. Tamén facía memoria a vella de que ía no enterro o conde de Belvís cunha gorra de plumas, i o seu enano de portacolas, e que viñeran mulleres de Lugo facer o pranto, i as máis mozas delas ían descalzas de pé e perna. Por don Merlín non pasaban anos, e disto queixábase coma dunha horamá, pro poucas veces, que o ser dil era aparentar mui franco i aberto, contento do mundo e parrafeador, e sorría mui doado: axudábanlle a ser franco os ollos craros, i aquela súa fronte levantada e señora, i hastra o aquel que tiña de aloumiñala coa man dereita cando che falaba. Era de poucas carnes, pro mui estribado no seu e garrido, e mui andador.