Showing posts with label Sombra do aire na herb. Show all posts
Showing posts with label Sombra do aire na herb. Show all posts

Thursday, May 8, 2025

Luís Pimentel

 


PASEO

 

De sutaque sorprendín á mañá entrando na vila, cantando da mao da fina chuvia. Cos pés espidos e mollados viña dos camiños verdes, profundos. Dedos de vento transparentes, baleiros, en bruñidas bandexas. Skerzo da zoca na acera. Leda canción. E debaixo do mantel de liño fresco a muller do obreiro leva as doce campanadas. Unha canción que se cae e se levanta. O polvo nas alas e tamén o ceo. Unha canción tan lonxana e lene como a sombra do aire sobre a herba. Hasta min chega tan só en anacos; mais eu enténdoa exaita i enteira, como a sombra do aire sobre a herba.

 

PANTOMIMA

 

Dádeme, dádeme ise gran piano lustroso, pulido polas noites… Aquí, baixo dos piñeiros, e un mar cercán. Desprovisto da miseria e desa probeza despreciable, morto xa Pierrot, non convidees aínda á lúa. E Laforgue en triste provincia, aforcado dun piñeiro cárdeno, polichinela enfariñado; pingando xelo os seus pés ispidos, mortos os eus escarpís (fermosos estuches de xoias frías). O xuez, o forense e mailo aguacil, a tiseira das autopsias con que logo cortan os mirtos nos xardíns choídos.