Naqueles tempos de continuas viaxes e de chuvias, vivía eu en Bruxelas, vórtice e capital de Europa, cidade probeta onde se decanta o sarrio das culturas, prodixio do bilingüismo militante que enfrentaba naquela urbe, supostamente cosmopolita, os máis baixos e intransixentes instintos de dúas comunidades lingüisticamente diferenciadas e politicamente irreconciliables; os flamengos, de futuro económico e reproductivo, e os valóns, de historia de mando e decadencia de puxos. Eu vivía, mal que ben, naquela paranoia de linguaxe bifocal (Poussez-Duwen, Tirez-Treken, Sorte-Uitrit, Avenue-Laan, Grand-Groote, Arts-Kunst, Rue-Straat, Loi-Wet, ...), sen poder tomar partido por ningún dos litigantes, convencido como estaba do dereito de ámbolos pobos a fala-la súa lingua, e convencido tamén, davvero, da arbitrariedade histórica de constituíren un mesmo estado. Daquela, un bo día (parte da cualificación é automática e a frase a pé feito, outra, sen dúbida, producto da escritura demorada que dá oportunidade a reflexións e a medidas, a correlato e meditada adxectivación. Ámbalas dúas presentes e fundamentais, como dirección e azar, como destino e circunstancia), fun comisionado polos un xefes (pluralizo para ubicalos, para dar impresión de ser un minchiña na escala de poder, por ese pracer íntimo de adopta-lo rôle de vítima), e por un período de dúas semanas, a unha misión de rutina no Norte de Francia. Logo dunha primeira semana, na que resistimos con certa cachaza os labirínticos atrancos que puxo ante nós a sofisticada burocracia francesa, tan tributaria do pasado napoleónico de imperio e grandeur, de pentágono inscrito en círculo perfecto, había que lle dar unha saída á nosa humanidade, ó outro lado que ficara aferrollado por tanto formalismo e tanta diplomacia. Como queira que tiñamo-la fin de semana libre e quedábamos en Normandía —terra de queixos e de mazás, de peixe fresco e historia de conquista e cabalería— pareceunos unha boa idea visita-lo Mont Saint-Michel, fortaleza que se ergue no cumio dunha rocha no medio dun impresionante esteiro, no que se ensarillan, en ensamblaxe hídrica e inestable, tres ríos: o Sée, o Seleune e o Couesnon, sendo este último o que orla o monte polo seu lado sur, separando Normandía da Bretaña. O curso dos ríos ten mudado no decorrer dos tempos, coma fronteira lábil e movimentada, con resultado de liortas e disputas, de fronteiras de por vida e outros males incurables do nacionalismo excluente. Cruzámo-lo istmo que une o Mont Saint-Michel coa terra firme e deixámo-lo noso Peugeot ás portas mesmas da fortaleza. Ascendimos con parsimonia as encostas empedradas e húmidas, as ruelas angostas e fistulárias, as escaleiras de pedra labrada na rocha nai, os fragmentos dunha lenda de liortas e de anxos, ata chegarmos, co cansazo pneumático que marca a traza dos xemelgos, ó pé do edificio emblemático da abadía. Pagámo-la entrada —rito necesario, imposto cultural que debería dar dereito a máis satisfaccións cá o feito de soportar que un funcionario, autómata e soberrecio, poña cara de hidra atópica ou de estaxirita romántico e alado deixándote franquear o recibidor, e mirándote coa mesma autosuficiencia que se te concedese un gran privilexio ou unha dádiva exclusiva. Entramos, pois, co pé mudado e poucas ganas de ficar, pero xa mesmo nos puxemos a navegar sen compás por salas inhospitais e vastos corredores, por torreóns ameados de patios xeométricos, de escalas helicoidais e portas que levaban a ningures, so teitos amansardados ou estreas bixeminadas, entre galpóns venteados e sucios e escuros calabozos intuídos soamente na profundidade cega duns chanzos con cancelas de ferro forxado. Saímos a visitar xardíns mal coidados que deixaran atrás un esplendor posible de roseiras e glicinas, de herbas multicolores e aromas de lavanda, de sebes ordeadas e labirintos clásicos, de fontes descacadas con mármores denegridos e xaspeados de barola, de fentos medrando como báculos vexetais e pilosos. Deleitámonos coas raiolas que entraban nas solainas, presintindo as lareiras na escuridade chafranada de salas enormes sustentadas por columnas redondas e masivas, ollamos para paredes lisas soportadas, na súa pretendida fraxilidade, por contrafortes dobres e macizos, sentímo-lo chifrar do vento nas angosturas da pedra. Detivémonos a xantar nun routier, onde logo dunha comida tan especiada como abundante, impúxose con naturalidade a aguardente de Calvados, da que bebimos con fruición carencial. A min mentres, tocado polo destilado alcólico, daba voltas e máis voltas, integrándome como alfombra voadora dunha xeira de liortas, de lendas e dunha historia fría de espadas e guerreiro, de loitas cabaleirescas e combates de honra. Nas miñas fantasías, viaxei cos cabaleiros da venerada orde de San Miguel, loitando armas nun gran salón de robustas columnas e grandes arcos, mentres monxes beneditinos tiñan o seu calefactor encendido e cantaban presenzas, abeirando nun chanzo e destacando entre todos os presentes, a figura mítica de Robert de Thorigny, famoso por eleva-la abadía ó cénit do seu máximo poder, tamén alí, impresiona pola súa trágica pasamento.
Showing posts with label Xavier Queipo. Show all posts
Showing posts with label Xavier Queipo. Show all posts
Thursday, May 8, 2025
Xavier Queipo
Subscribe to:
Posts (Atom)