Showing posts with label Pilar García Negro. Show all posts
Showing posts with label Pilar García Negro. Show all posts

Sunday, March 23, 2025

Pilar García Negro



Vou ler, en primeiro lugar, algúns fragmentos deste libro que amoso, titulado O clamor da rebeldía. Rosalía de Castro, ensaio e feminismo, cuxo subtítulo resume con precisión a tese principal deste volume: o nacemento do ensaio na literatura galega contemporánea simultáneo ao espertar da consciencia de xénero, a través da análise e interpretación dos textos rosalianos. O meu obxectivo foi demostrar que Rosalía de Castro, escritora fundacional da literatura galega moderna, protagoniza unha dupla inauguración: por unha banda, introduce o xénero ensaístico, centrado nos prólogos de Cantares Gallegos (1863) e Follas novas (1880), e por outra, inicia a reflexión sobre a condición feminina, especialmente a das mulleres galegas traballadoras e das chamadas “viúvas de vivos”. Esta preocupación organiza e vertebra toda a súa obra. Por iso, afirmo que coa súa escrita rompe a ecuación tradicional que ligaba o ensaio á autoría masculina. A súa contribución refórzase ao constatar que foi unha muller quen inaugurou a modernidade galega, entendida como esa etapa na que certos sectores ilustrados asumiron a necesidade de que Galiza gobernase os seus destinos e alterase a súa posición dentro da política española. Rosalía insírese neste colectivo de patriotas que combinaron actividade intelectual con compromiso político, participando activamente na propaganda cívica e nacionalista. O segundo aspecto inaugural da súa obra radica no desenvolvemento dunha consciencia específica de xénero, como muller, como galega e como escritora. O feminismo constitúe así un epíteto esencial da súa identidade. Apropiouse de discursos tradicionalmente masculinos non só para usalos, senón tamén para cuestionalos, rompendo o monopolio do xénero e, de maneira decisiva, o do castelán como única lingua literaria de prestixio. A súa obra é unha resposta e unha alternativa. Rosalía respondeu ás falsidades do sistema dominante e defendeu unha rectificación histórica onde Galiza ocupase o lugar que lle correspondía, expresando como ninguén a apoteose da subordinación e, á vez, o clamor da rebeldía. A seguir, cito un punto que sintetiza as conclusións do meu libro Galiza e feminismo en Emilia Pardo Bazán (2021), onde intento ofrecer unha análise galega da figura de Pardo Bazán, que representa a antítese de Rosalía. Non só pola elección do castelán, senón pola súa visión elitista dunha Galiza que debía ser dirixida pola aristocracia. Esta perspectiva condicionou negativamente a súa percepción da clase traballadora galega, especialmente das mulleres populares. A pesar de clamar contra o feminicidio e defender un feminismo declarativo baseado na razón, na autonomía e na denuncia da educación castrante, a súa actitude revela un uso instrumental do feminismo, funcional ao seu propio ascenso, coa aspiración de ser a única muller capaz de triunfar nun mundo masculino. Este obxectivo afástaa de calquera feminismo colectivo ou de sororidade, pois defende os privilexios da súa clase social e rexeita as mulleres populares, que retrata como unha masa pasiva ou violenta. Por iso, cómpre analizar as súas ideas non só a través dos seus discursos, senón tamén á luz da súa obra literaria e das valoracións que fixo doutras autoras. As súas lentes non son violetas, son clasistas e egocéntricas. Finalmente, retrocedo ao inicio do século XXI para lembrar a actualidade do pensamento de Castelao. No meu libro Arredor de Castelao (2001), recollo traballos arredor da súa obra, destacando a súa pluralidade e cohesión, pois todas as súas facetas –humorista, debuxante, escritor, político– responden ao impulso de significar Galiza artisticamente e construír un nacionalismo acorde ás necesidades do país. Castelao dedicouse á creación e á loita até a súa morte no exilio. Galegas e galegos temos unha débeda coa súa obra e coa súa entrega á Galiza. E conclúo co libro Ricardo Carballo Calero. Rectificar a historia (2021), unha homenaxe ao meu mestre, quen xa en 1981 proclamaba a vixencia do uso integral do galego. No seu artigo “O uso do galego para todo” afirmaba que unha lingua non pode subsistir se non se proxecta sobre a realidade, máis alá do uso literario. Sen uso cotidiano, a lingua morre, vólvese ritual, conxelada e ferida de morte. Para que o galego viva, debe vivir en todos os ámbitos: estético, comercial, administrativo, relixioso e político. O galego ten que ser a lingua normal dos galegos. Oxalá, e así sexa.