Quero compartir con vós algúns dos poemas dos meus dous últimos libros. Vou comezar cunha lectura do poemario Tundra, que foi premio Fiz Vergara Vilariño. Agardo que me acompañedes nesta viaxe. Caderno de campo. Notas previas. O poema podería ser unha expedición simbólica, de cervos e lagos xeados, romántica na construción dun escenario nórdico, de paisaxes arcaicas. Pero a neve irá cubrindo as pegadas, como nos contos onde un ser desvalido extravía o camiño de regreso á casa nunha noite de inverno. Abandonar a casa presupuxo unha esixencia lingüística, botarse fóra dos lindeiros, sentir cada palabra como unha experiencia física lonxe dun deseño cultural previamente establecido. Sentir o medo a camiñar sobre o xeo, a desorientarse entre a néboa, a non atopar refuxio contra a agresión do descoñecido. Na mochila levar as preguntas imprescindibles, non sobrecargala de peso, usar a linguaxe como un equipo de supervivencia. Nesta viaxe, a palabra “amor” non debería adquirir maior carga semántica que a aresta dunha pedra ou a composición xeolóxica dun mineral. Nesta viaxe, ningunha voz debería definir o amor sen experimentar antes os efectos da intemperie, sen ser derrotado polo peso milenario da montaña, sen ter conciencia da tensión previa á caída dunha folerpa de neve. Humana é a escala coa que se debe medir o poema, a súa probabilidade de non dar alcanzado as alturas. Conmovedora a súa actitude de seguir avanzando sen albiscar o horizonte, nun lugar sen máis cartografía que a propia intensidade do branco, reticente a calquera proceso de adxectivación. Ao mencer partiremos cara á tundra. A distancia é a lingua propia do inverno. A neve, un fonema distintivo. O frío, un hiato entre os beizos. Onde non habita a linguaxe, o límite di “extremo norte”. Neva. Segue a nevar desde o primeiro inverno do universo. E quen sabe se existen as folerpas ou son un carambelo da memoria. Unha luz exiliada desde a infancia. O relampo que nos conxela a voz xusto nos beizos. E nos impón o asombro da montaña. O mutismo do candán nun tempo despoxado de linguaxe, como se nevase desde sempre, e a boca fose a porta aberta da cabana onde se agarda a hora do regreso. Así acontece a ansia do tempo entre os amantes. Nin a fin do mundo apagará o fulgor da nevarada, o murmurio da neve amañecida, o tacto da luz sobre a tona do xeo, o brado dos cervos antes da cópula, a esa música considerámola silencio. O alén existe, di relampo, gozo nas cimbas, fulgor que conmove a montaña e xea. Lévanos da man neve, lévanos lonxe dos nomes, ata o lugar glacial onde os signos son fósiles de xeo e a linguaxe un laio sen voz no alto da montaña. Lévanos ata os glaciares, ata os cumios máis altos, lévanos ao fulgor do xeo, á xeometría máis pura, á arquitectura do frío antes do ser humano. Ser ansia de neve, fulgor boreal, norte absoluto. E atravesar a brancura, chegar ao límite da extenuación, non saber onde comezan as fontes. Amar un segundo antes da explosión do gris en nube boreal de nevarada. Agardar á labarada entre a bruma, caer como as ludes do paraíso, desprenderse en brancura. No extremo norte, onde se esvaen todas as linguaxes, din que existe un lugar onde os monstros pronuncian o seu nome e descobren que o amor nunca foi un substantivo abstracto, senón o último acto antes de extinguirse co corazón convertido en meteorito. Ben, esta foi unha viaxe pola tundra e agora, se mo permitides… Vou cambiar de rexistro e vou meterme nunha obra máis íntima relacionada coa memoria familiar, neste libro que se titula Estrita necesidade, no que me acompaña o fotógrafo e amigo Benxamín Otero, e vou lervos algúns poemas que falan quizais da paternidade e da memoria. Estrita necesidade. En como aproveitas o carozo da mazá, en como vas arrodeando co coitelo a parte podre, nese xesto coa peza de froita gárdase a fame toda dos corenta, a ansia de que nunca sobre nada, de aproveitar a tacuña máis dura, unha forma de ser xa inquebrantable. O xeito en que fregas as mans logo de fedellar coa graxa dos motores, minucioso como un rito de purificación, deixalas limpas como unha patena. Iso debe ser a dignidade do proletariado, iso é unha presa de fías para secalas. A pel endurecida no rostro. Tamén no pescozo afeita o sol. Pero as pernas tan brancas na praia. Veraneo dos setenta. Vinagre na pel e tomate. Misturar o amor co matrimonio como a fariña branca co farelo. O amor era un corpo leñoso, o recendo dos dedos a resina. O amor era erguerse cedo, vestir a muda branca da cadeira. O amor era asegurar o fío solto nun botón da camisa de flanela. O amor era comer xuntos nun restaurante de camioneiros. O amor era regresar á casa cunha caixa de mantecadas de Astorga. O amor era ese aire lixeiro que o tempo volveu cemento armado. No garaxe sempre había un coello esfolado a pingar sangue sobre un caldeiro azul, pendurado dun gancho coa órbita dos ollos valeira. E ao día seguinte, acompañado de arroz, había que comelo sen deixar nada. Así se aprendía o sabor da morte nas casas. Antes. As túas mans de pai, as túas mans de vello. A prancha no prato do grosor dun cabelo. O corte da navalla axustado ao milímetro. Ningún verso a esa altura. Víanse no prato a tona e o coitelo. Finísimas as pranchas. Ese tempero aínda ao teu alcance. Mans de fariña. Ouro no que tocan. Verte a bó, ver tocarlle a banda ou trapeza, e poñerlle música aos eródeos afectos. As cóxegas na palma da man polo farelo que cae do bico da peneira, ter conta delas. Chaves de paso, as mans.
Showing posts with label GALIZA. Show all posts
Showing posts with label GALIZA. Show all posts
Sunday, March 23, 2025
Thursday, February 13, 2025
Ricardo Carvalho Calero
Ricardo Carvalho Calero foi unha das figuras máis relevantes da cultura galega do século XX, destacando como escritor, ensaísta, filólogo e profesor universitario. Nacido en Ferrol en 1910, a súa vida estivo marcada polo compromiso co galeguismo, a defensa da lingua e unha produción literaria extensa e diversa. Foi o primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galega na Universidade de Santiago de Compostela, deixando unha pegada fundamental na normalización e estudo da lingua. Ademais da súa labor académica, destacou como poeta, novelista e dramaturgo, cultivando todos os xéneros literarios coa intención de fortalecer o sistema cultural galego. O seu pensamento lingüístico, vinculado ao reintegracionismo, xerou debates que perduran ata hoxe. A súa xuventude estivo marcada pola súa formación intelectual e pola implicación no galeguismo. Estudou Dereito e Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela, onde entrou en contacto con figuras como Ramón Otero Pedrayo e Vicente Risco, referentes do Seminario de Estudos Galegos. Durante a Segunda República, militou no Partido Galeguista, colaborando no anteproxecto do Estatuto de Autonomía de 1936. A súa actividade política viuse truncada coa Guerra Civil, durante a cal foi represaliado polo franquismo e condenado a prisión. Logo da súa liberación, sufriu un longo período de exclusión do sistema educativo oficial, traballando no ensino privado ata que, xa na década de 1960, puido reincorporarse á universidade. No ámbito literario, Carvalho Calero desenvolveu unha obra marcada pola súa visión humanista e polo seu compromiso coa lingua galega. Como poeta, publicou obras como "Vieiros" (1931), "Anxo da terra" (1950) ou "Cantigas de amigo e outros poemas" (1986), nas que combinou tradición e modernidade, experimentando coa métrica medieval e os símbolos do existencialismo. Como novelista, foi autor de "A xente da barreira" (1951), considerada a primeira novela galega publicada despois da Guerra Civil, así como de títulos como "Scórpio" (1987), unha das grandes novelas galegas do século XX, na que reflexiona sobre o exilio interior e a memoria histórica. No teatro, escribiu obras como "Farsa das zocas" (1948) ou "Auto do prisioneiro" (1952), que mesturan ironía e crítica social, renovando a dramaturxia galega. O seu labor como ensaísta e estudoso da literatura foi igualmente fundamental. A súa "Historia da literatura galega contemporánea" (1963) foi a primeira gran síntese da literatura galega do século XX, converténdose nunha referencia imprescindible para xeracións de estudantes e investigadores. Como filólogo, defendeu un enfoque reintegracionista da lingua galega, argumentando a súa proximidade co portugués e a necesidade de recuperar unha norma gráfica máis achegada ao sistema ortográfico luso. Esta postura, recollida en obras como "Problemas da língua galega" (1981) e na súa "Gramática do galego común" (1979), xerou controversia e marcou a súa relación coa Real Academia Galega, institución da que foi membro pero da que se distanciou progresivamente debido ás súas diferenzas co modelo oficial de normativización. A súa figura foi recoñecida tardíamente. En 1980, foi elixido académico numerario da Real Academia Galega, e en 1990, un ano antes da súa morte, foille concedida a Medalla Castelao. Porén, o seu recoñecemento institucional foi obxecto de debate durante anos, debido á súa defensa do reintegracionismo. Non foi ata 2020 cando a súa figura foi homenaxeada co Día das Letras Galegas, un recoñecemento que chegou despois dunha longa reivindicación do seu legado por parte de amplos sectores da cultura galega. Ricardo Carvalho Calero deixou unha pegada imborrable na historia da literatura galega, non só polo seu labor como escritor, senón tamén pola súa contribución ao estudo e dignificación da lingua. A súa obra, marcada pola coherencia ideolóxica e a busca dunha identidade cultural sólida, segue a ser obxecto de estudo e debate. O seu pensamento, a súa produción literaria e a súa loita pola lingua convérteno nunha referencia ineludible para entender a evolución do galeguismo no século XX e os desafíos que o idioma segue enfrontando na actualidade.
Labels:
194,
2025,
galego,
GALIZA,
Ricardo Carvalho Calero
Subscribe to:
Posts (Atom)