Coma se caera unha pedra no centro do mundo e o seu eco se sentira máis aló dos sentidos. Coma se un xesto dun antepasado meu de súpeto volvera á existencia, a engrandecela anulando o tempo e tódalas campás tocasen a vida nos altos campanarios do sangue. Coma se o mundo caera no centro dunha pedra e o seu sentido se sentira máis aló do eco e a poesía perdera o coñecemento nos brazos do amor. Coma se de súpeto eu fose máis humana e por iso entendéra a débil constitución da mente que treme coma unha avelaíña ante unha bombilla de 40 vatios. Igual que se caera un pozo no centro de min e o fogonazo que produce un milímetro de vida me propulsase ao centro dun milímetro de min caendo nun pozo tan só porque unha diminuta esfera grandiosa se me está a formar dentro e os meus tímpanos imperfectos non poden oír aínda a súa rotación ao redor do bosque de cromosomas. Coma se Deméter amarrada ás miñas entrañas arrastrase coa grade do amor a Perséfone á superficie e a primavera vencese para sempre e o Inferno xa non terá dominio e o Inferno xa non terá dominio. Porque un rabaño de lobos te pasean ao lombo do meu ventre, eu son un omphalos só no medio do universo facéndote feliz, criatura. Coma se caera unha pedra no centro do mundo, retumba toda a miña materia individual, a conciencia astral da persoa que se asoma a un fogonazo e ve máis a poder de luz que de sombra. Porque vou en min catapultada a un misterio coma un pole transportado por abellas á matriz da existencia absorta no quietismo absoluto de todo canto se move. Déitome sobre a herba da aira pensando en Mitrídates rei do Ponto, no labirinto de Borges, na Dánae de Klimt e no ciclón somático que é o meu soño. E así sentada, agarrada ás arandelas da miña córnea, contemplas só o profundo e báteche o corazón por primeira vez coma se caera unha pedra no centro do mundo.