lunes, 5 de mayo de 2025

Ramón Piñeiro

As ideas que aquí se desenrolan tiñan inicialmente outro destino; o de serviren de base para unha conferencia que había de ser pronunciada en Lisboa formando parte dun curso que, organizado polo Centro Nacional de Cultura e adicado ó estudo filosófico da Saudade, fora inaugurado por Teixeira de Pascoaes meses antes da súa morte. O autor hónrase en adicar este traballo á memoria daquel gran poeta. A súa perda privou a Galicia dun amigo afervoado e a Portugal dun dos seus máis puros e altos líricos. I. AS FORMAS DA SAUDADE Para nos achegarmos especulativamente ó eido oculto en que a saudade mora, temos que nos meter moi adentro polos campos escuros e tépedos do sentimento. Temos que nos meter por eles e temos que nos valer do idioma como vía de penetración especulativa. Certo que o sentimento conta con outras linguaxes, por exemplo a música, pero tamén é certo que a palabra é o medio expresivo que serve para reflexar o ser do home en toda a súa amplitude comunicativa, é a que nos dá a súa imaxe total, ou, polo menos, a súa imaxe máis total. Mais con saber onde a saudade está e cal é a vía que nos pode levar a ela, a empresa non é doada. Hai, polo menos, dúas dificultades importantes. A primeira dificultade vén do vocabulario sentimental do idioma, pois por se referir a unha realidade escura —escura como todo o profundo—, participa da mesma escuridade do que “reflexa”. As voces que serven para ir designando as nosas vivencias ou estados sentimentais, carecen da claridade significativa imprescindible para acadaren fixeza e transparencia especulativa. Designan sentimentos, pero son opacas para a rica e vivaz complexidade que estes gardan. Non hai correspondencia entre a pobreza significativa das verbas e a complexa plenitude do contido dos sentimentos. Por iso son estes tan difíciles de “expresar” coa palabra, que para os expresar ten que se facer Poesía. Resulta de todo isto que as verbas do vocabulario sentimental están sometidas a unha multivocidade confusa, pois cada unha terá que designar distintos contidos sentimentais. E xa temos aquí unha das fontes de confusión cando se quere tratar de saudade, pois ás veces desígnase o seu contido con verbas distintas e ás veces emprégase a propia verba “saudade” para designar outros sentimentos. A segunda dificultade débese á amplitude da saudade mesma que pode, segundo os casos, pertencer ó plano sicolóxico ou ó plano ontolóxico, por onde resulta que se pode entender de varias maneiras o contido significativo da verba. Pódese dicir que hai varias saudades, ou, mellor aínda, que hai varias formas de saudade. O sentimento que designa a verba saudade é o sentimento da soidade. Sexa cal sexa a relación etimolóxica entre ámbalas verbas, o certo é que cadran unha coa outra semanticamente. Arrincamos, polo tanto, deste feito semántico, e consideramos que saudade, soidade, suidade —segundo a época ou o lugar pode predominar unha forma ou a outra— son tres variantes que significan a mesma cousa: o sentimento de soidade. Cando o home vive a soidade, dirá que sente saudade, ou suidade, quedando así ben claro que se soidade é unha situación do home, a saudade é o sentimento desa situación. Ocorre, con todo, que o home vive diversos modos de soidade, de onde se segue que tamén sentirá diversas formas de saudade. Así é, dende logo; mais aquí temos xa que facer distinción entre dous tipos fundamentais de soidade: a soidade que o home vive a través da súa actividade transcendente e a soidade que vive na súa intimidade de pura. Son dúas formas de soidade radicalmente distintas: a primeira depende da obxectividade, orixínase na obxectividade; a segunda orixínase na intimidade, é a intimidade mesma. Esta distinción é da maior importancia, pois serviranos para poder caracterizar os diversos modos de soidade e as correspondentes formas de saudade. Comezaremos pola soidade que se orixina na actividade transcendente do home. Tódalas formas de que o home dispón para se avencellar cunha situación obxectiva, por se basearen na correlación de dous elementos, na correlación suxeito-obxecto, están sempre ameazados pola soedade, pois para que se dea abonda coa eliminación do elemento obxectivo. Ou sexa, que na correlación suxeito-obxecto o primeiro elemento, o suxeito, está en perigo permanente de soidade. A soidade é, xa que logo, a situación do suxeito cando se atopa abandonado polo obxecto. A relación do suxeito co obxecto pode ter formas diversas, e cada unha dará lugar a un modo de soidade e a un correspondente sentimento de saudade, mais para o noso fin abóndanos con reparar esquematicamente nestas tres formas: añoranza: do ser amado (ausente, morto ou desviado), do ben perdido (a mocidade, a felicidade pasada, o agarimo materno), etc. nostalxia: da Terra lonxana, do eido nativo, etc. arela: de felicidade ideal, de perfección ilimitada, etc. En calquera dos casos comprendidos nestas tres formas, a soidade do suxeito producese pola non presenza do obxecto, ten unha motivación obxectiva. Polo mesmo, o sentimento de cada un destes modos de soidade virá sendo unha forma de saudade; saudade añorativa, saudade nostálxica, saudade arelante. Pero estas tres formas de saudade representan formas de sentimento obxectivado, ou sexa, relacionado con algún obxecto: o ben añorado, a paisaxe ou a terra lonxana, a felicidade ideal, etc. etc. Os tres modos de sentimento dependen de facultades alleas ó sentir mesmo (a memoria e mais a vontade). Os tres producen a presenza da soidade fronte a algo que se lembra ou se desexa. De aí que a súa vivencia sexa dolorosa, porque revela unha carencia, unha privación, a carencia ou a privación de algo amado ou apetecido. As características destas tres formas de soidade pódense xeneralizar para tódalas formas de soidade que o home vive a través da súa actividade transcendente: todas coincidirán en relacionárense cunha situación obxectiva, en dependeren de máis facultades que o sentimento e en seren máis ben dorosas.