—Tiña unha reunión con xente da Consellaría. Algo me dixo duns protocolos de nova implantación. Dixo tamén que falara con vostede para que se fixese cargo deste paciente. Está preocupado polo rebumbio do caso. —E mándache a ti para dicirmo? Merda. Vou buscala. Ti queda aquí. Revisa a súa medicación. Súbelle a dose se ves que non dorme. Nese intre é mellor que descanse. Toma o historial. Déixamo no meu despacho cando remates, por favor? Eu vou falar con Valiño. Connor baixou as escaleiras a toda velocidade. Estaba farto destas cousas de Adrián. Non lle importaba collelo os casos complicados, pero estaba cansado de que non o avisase. De que dispuxese do seu tempo sen consultarlle. A cabeza deulle voltas de novo ao rostro da muller. Aos seus ollos. Precisamente ese caso. Non. Non ía consentir que o cargasen con isto. Este caso tiña que levalo Adrián. Para algo era o xefe do servizo. —Brennan! Connor deu media volta e viu a Adrián a correr tras del. —Mira, Valiño, isto non queda así. Como se che ocorre? Este caso? Toleaches? —Agarda un minutiño. —Non agardo nada. Vou facer o mesmo ca ti. Primeiro pásasme o caso sen dicirmo, deixando que me informe un residente de primeiro ano, e despois pídesmo. Vou facer eu o mesmo. Devólvecho o caso. E agora que xa o sabes, se queres, explícolle os motivos. —Acouga! Eu non podo atendela! De verdade que non. Non sería ético. Ém tía do meu cuñado. E non estamos a falar dunha paciente calquera. Xa veu a policía dúas veces. Estou a frear os interrogatorios. E dáme medo que se confundan as miñas intencións. Na escaleira, dúas mulleres que falaban, quedaron a mirar para eles. Adrián calou de súpeto. —Mellor imos ao teu despacho —dixo Connor. Adrián asentiou e baixou rápido as escaleiras. Adrián era o máis parecido a un amigo que tiña en Santiago. Coñecéranse na facultade, pero non chegaran a intimar. Despois Connor volvera a Irlanda e alí cortaran a súa relación. Cando Connor regresou a Galicia, había tres anos, atopouse bastante só en Santiago, e Valiño era un bo compañeiro. Algo potente, incluso pesado ás veces. Pero, no fin de contas, sempre lle botaba unha man cando llo pedía. Connor adoraba xogar ao pádel con el aos xoves. Ás veces quedaban a tomar unha cervexa. Gustáballe estar con el. Fóra do traballo. No hospital tiña ese maldito costume de organizar todo segundo lle conviña, sen ter en conta os demais. Entraron no despacho e Adrián pechou a porta. —Tes que coller o caso. Tentou suicidarse tan só uns días despois do asasinato da súa sobriña. —Seino. Ese asasinato é o acontecemento máis mediático desta cidade dende a morte de dona Asunta. Non me importa axudar a muller. Pero ti mellor ca min sabes o que iso supón: aturar a poli, facer un informe pericial para o futuro xuízo e incluso facer declaracións á prensa. —Eu quedo coa prensa. Prometido. Leo os comunicados, no teu nome. E pedireille á xerencia do hospital que se encargue de falar coa policía. Alegaremos segredo profesional. —Non hai nada que alegar. O segredo profesional está sobreentendido. Sigo dicindo que debes coller ti o caso. É unha tentativa de suicidio. Ti es o especialista. —É que non escoitas? Son amigo de Teo Alén. Estudamos xuntos ata COU. Fun á súa voda con Sara.