viernes, 25 de abril de 2025

Suso de Toro

Unha rapaza morena, blusa azul a xogo cos pantalóns vaqueiros, sobe. Págalle ó conductor, que está comendo un periódico deportivo, atravesa o bus e sae por atrás. Un tipo de mono azul, de pé xunto á porta cunha chave inglesa arrimada nunha orella, mira para ela, logo saca unha pitilleira de ouro, sacode o cigarro contra da petaca, logo colócao, en plan Bogart, caído nun lado da boca. O pitillo empeza a abanear para enriba e para embaixo, segue abaneando, cada vez faise máis pequeno. Estao comendo. A rapaza, volve a subir, desta non paga, e volve a saír por atrás. O conductor, que xa rematou co seu almorzo, olla para atrás, limpando a boca coa man. Logo torna a mirar para diante e ponse a acompañar coas orellas a canción que dan pola radio do coche. A rapaza, outra que tal, sobe e baixa. Os pasaxeiros empezan a mosquearse. O conductor, que controla todo, saca axiña un insecticida, dálle un par de chuflidos e todo quisque volve á súa figura normal. “Aquí de mosquitos nada, eh”, di severo. Un vello sentado que ten tres patas unha delas de pau, empeza a movelas alternativamente adiante e atrás, ó tempo que di, nos meus tempos, dúas patas adiante, un pobre mutilado, a outra atrás, nos meus tempos, dúas adiante, un pobre mutilado, outra atrás, e así rosmandro e facendo deporte. Un rapaz que está a facerse unha palla con entusiasmo nos asentos do medio, para o labor e mira para o vello. Unha señora dille con cara de roña “¡facer iso nun intre así! ¡Se vivise o meu fillo!”. O rapaz ri e ensina os dentes e as moas, cheas de sarro, chíscalle un ollo, logo cospe na man e volve darlle ó manubrio. O conductor mira o reloxo, tírao pola ventáña e mete a marcha. Denantes de que peche a porta, sobe outra volta a rapaza e fica de pé collida nunha barra. De alí a pouco, mentres o bus anda, o conductor abre a porta automática e a rapaza, lixeira, arrempuxa a unha nena e unha vella que ían xuntas. A vella cae a primeira, bate no chan e faise cachizas, pásalle un coche por riba e alá van os miolos todos ciscados polo asfalto. A nena vai colgada a rastras, collida da porta, xemendo. Pero a rapaza péguelle un patadón na cara que lle salta os dentes, e cae tamén. Todos no bus. Sobre todo o conductor e a rapaza. Os viaxeiros comentan a cara que poñía a nena. Nisto, o conductor, que é un habelenicioso, ponse a asubiar en plan disimulo, estrica unha perna e pásalla, suavíño, á rapaza polo cu. Esta sacódeselle unha patada de karateka na gorxa, co seu berro correspondente. Desfaílle a gorxa, o conductor tapando o burato coa man, busca coa outra, ás apalpadas, nun departamentiño que ten ó lado do embrague e saca unha gorxa de plástico. Todo isto sen deixar de conducir. Cando ve que xa pode falar, tose, e logo dille con xenreira, “cabrona, case nos dámos todos unha hostia pola túa culpa”. Cala, rosmar polo baixo, volve tisnar. A rapaza nin mu. O outro segue, “irresponsable, e que falta tiñas de pegar ese berro, déixaseme un oído xordo”. Agora a rapaza asubía con indiferencia. Un anaco despois o conductor chíscalle un ollo ó pasaxeiro que vai ó seu lado, e abre a porta automática. De contado o outro, de pelo e bigote brancos, guinda á rapaza con forza pola porta. Esta ensánfase dun topetazo no capó dun coche branco que ía ó lado. O conductor do turismo con cara de noxo, pon a andar o limpaparabrisas, que barre o sangue e as tripas, saca a testa pola ventáña e berra, “¡a ver se non tiramos porquerías! ¡Hai papeleiras!”. A xente no autobús volve escachar coa risa e asómanse todos facendo comentarios de orde anatómica sobre os restos da rapaza. Un de traxe, que vai de pé cun maletín, ri e bate coa testa nun cristal, ri e bate coa testa, volve rir e volve bater, ata que fende a cachola e cae. O conductor que segue controlando todo, di “Caralludo, como aquí o que limpa son eu, veña todo deus a emporcar!”.